O CONCELLO COLABORARÁ COA ORGANIZACIÓN O CAMIÑO SOSTIBLE PARA A  FORMACIÓN DAS FAMILIAS INTERESADAS. APUNTARSE AO PROGRAMA SERÁ GRATUÍTO E PODERÁ FACERSE EN LIÑA.

En Val do Dubra, a 3 de maio de 2023.

Dende o Concello de Val do Dubra anímase a veciñanza a inscribirse ao proxecto de compostaxe doméstica, implicando así a Val do Dubra na loita contra o cambio climático.  Este proxecto axuda tanto a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como a reducir a pegada de carbono.

O Concello pretende, con esta aposta pola compostaxe, que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia orgánica nos propios fogares.

A iniciativa conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O seguimento da campaña prolongarase durante un ano e nela participa O Camiño Sostible. Esta asociación sen ánimo de lucro ten como obxectivo crear e fortalecer unha rede de persoas e entidades que compartan e divulguen as súas experiencias, proxectos e esforzos por vivir nun mundo máis sostible.

Participar no programa é de balde e abonda con completar un formulario en liña (https://www.elcaminosostenible.org/biorresiduos/), chamar ao 690 145 190 ou enviar unha mensaxe o enderezo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org.

Convocarase unha pequena formación no salón de actos da Casa da Cultura. Ao finalizar dita formación, procederase á entrega dos composteiros ás persoas inscritas no programa.

Durante todo o ano a veciñanza terá á súa disposición o número de teléfono 690 145 190 (chamadas e WhatsApp) e o enderezo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org para resolver calquera tipo de dúbida. Este servizo é atendido por un biólogo experto en compostaxe.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.